OS SERÁNS
AGRUPACIÓNS MUSICAIS
AS NOSAS PANDERETEIRAS
XOCAS, O GAITEIRO DE PAZOS
CANTIGAS



As cantigas populares, transmitidas oralmente durante séculos, constitúen unha importantísima herdanza dos nosos antergos. Pazos de Borbén considerase por moitos expertos en música tradicional galega, como un dos concellos máis ricos neste ámbito.
Ás parroquias de Ermida e Moscoso, sobre todo, acoden multitude de profesionáis da música popular de toda Galicia, co fin de recoller e aprender das nosas cantigas populares.




OS SERÁNS

O Serán é o nome polo que se coñece a unha festa na que os protagonistas son a pandeireta e o baile tradicional. Este tipo de celebracións realizanse nas nosas aldeas dende tempos antigos.

¿En qué consistían antigamente?

Realizábanse case que tódalas semanas, a maioría das veces en recintos pechados, por exemplo na casa do pobo. Alí acodían as mozas acompañadas de súas nais, que as "vixiaban", para atoparse cos mozos que lles pedían para bailar mentres algúns veciños tocaban a pandeireta e cantaban cantigas. Unha das partes máis bonitas e entretidas do Serán eran Os Desafíos -"enfrontamentos" entre dúas persoas mediante cancións que algunhas veces improvisaban sobre a marcha-.

Tamén hai que resaltar que tódalas cantigas eran composicións das xentes da zona, e que cada lugar tiña as súas, cunha facilidade para cantar e compor abraiantes. Moitas destas composición son feitas nun galego misturado con frases en castelán.

Os Seráns hoxe.

Malia que estas festas populares se foron perdendo co paso dos anos, voltan por sorte a reaparecer con gran forza, contribuíndo así á conservación dunha importante parte da nosa cultura, a música popular.

Ós seráns acoden centos de afecccionados á nosa música e baile. O instrumento máis habitual segue sendo a pandeireta. Todo aquel que queira pode participar bailando, tocando e ata cantando. En moitas ocasións acompáñase a festa cunha merenda.



AGRUPACIÓNS MUSICÁIS

Existen en Pazos de Borbén diversas agrupacións musicáis e de baile tradicional, como son "COROS E DANZAS NOVA XEIRA", con domicilio en Nespereira- Alvite ou a "ESCOLA DE BAILE E GAITAS DE PAZOS DE BORBÉN", que imparte clases nas instalacións do Colexio Público de Pazos.
Tamén é imoportante no municipio a Agrupación Folclórica e Musical OS AMIGOS. Os seus compoñentes son todos homes, e levan moitisimos anos tocando en festas e romarías.



AS NOSAS PANDERETEIRAS

Temos no municipio numerosas agrupacións de pandereteiras e cantareiras que forman moitas das nosas veciñas, como son As Pandereteiras de Ermida ou as irmáns Rosa e Aida Garrido de Moscoso, entre outras.
Estas mulleres, que organizan e participan nos seráns da zona, contibúen profundamente a conservar e difundir a beleza da musica popular galega, da que son grandes coñecedoras.



"XOCAS", O GAITEIRO DE PAZOS.

Contamos en Pazos de Borbén cunha das personalidades do mundo do folclore galego, Xoaquín Míguez Rodríguez, máis coñecido por "Xocas".

Gaiteiro, artesán e tamén compositor (súas son a Muiñeira Catro Puntos, a Jota do Xocas ou o valse Cada Día Máis).

Membro de xurados en certames de prestixio, conferenciante, expositor de instrumentos –ten feito gaitas que debido ós materiáis empregados son pezas únicas-. Viaxou por moitos países de Europa e América, e en Boston, unha das súas gaitas foi representante de Galicia nun certame de gaitas escoscesas e irlandesas.

Xocas é un mestre da nosa cultura musical, e por enriba de todo, unha persoa moi estimada por cantos o coñecen.


CANTIGAS

CANTAR DAS LABRADAS DE MOSCOSO

Agora comezo eu
viva o meu atrevemento,
se non teño tomarei
contigo coñecemento.

Desde o alto de Moscoso
eu vou dar un asubío
inda son quen era onte
inda non perdín o brillo.

Dádelle unha caidiña
meu amor cando cantades,
dádelle unha caidiña
que con ela me matades

Fun ó río buscar auga
na casca da balancía,
nin bebín nin trouxen auga
nin falei a quen quería.

Vou a dala despedida
porriba dunha cereixa
eu queríame marchare
e o corazón no me deixa.


CANTIGAS DAS NOSAS PARROQUIAS

Aldeíña de Pazos
todo é terriña chan,
todas son flores e rosas
postas pola miña man.

Estreliña do luceiro
estrela da claridá
vaise o día, vaise a noite
vaise a miña mocedá

Quen me dera en Amoedo
unha leiriña de terra,
para lle bota-la auga
e pasearme por ela.

Ei de facer unha ponte
toda da raíz dun toxo,
para pasear de Vigo
de Vigo para Moscoso.

Aldeíña de Moscoso
dá de beber a quen pasa,
na fonte do Sanguiñedo
tamén na fonte da Gafa.